Con este novo recinto o Concello contará cunha versátil instalación pública para a realización de todo tipo de eventos culturais, deportivos, congresos, feiras, festivais, exposicións… Cun aforo máximo de 4.000 persoas, pero con gradas e butacas móbiles para axustarse ás necesidades de cada espectáculo, será unha grande instalación sustentable e harmoniosa para dotar a Oleiros do grande espazo cultural e deportivo que necesita para complementar a ampla oferta actual e potenciar as posibilidades terciarias derivadas da economía turística de espectáculos e congresos.
“Levamos moitos anos intentando crear un gran edificio multiusos en Bastiagueiro, que non chegara a poder facerse realidade no seu día por un boicot do PSOE de Oleiros. Pero agora si, por fin vai contratarse. Unha instalación necesaria coa que imos poder seguir fomentando a cultura e o deporte en Oleiros”, dixo o alcalde Ángel García Seoane.