Oleiros, 12 de abril de 2016-. O Concello de Oleiros porá en coñecemento da Fiscalía a actuación neglixente de Portos de Galicia que se nega a asumir a construción do noiro derrubado no porto de Santa Cruz. O alcalde leva agardando desde o pasado día 1 de abril a que Portos de Galicia lle responda á súa petición de reunión para resolver este problema que afecta gravemente á rúa de acceso á praia de Naval.
“Quero denunciar publicamente a neglixencia e a ineptitude de Portos de Galicia para resolver o derrubamento do noiro do porto de Santa Cruz”, dixo o alcalde Ángel García Seoane. “Se nuns días non contestan á nosa petición de reunión levaremos o asunto ante a Fiscalía para que tome medidas ante a neglixencia que está a cometer Portos de Galicia e o elevado risco de derrubamento da rúa municipal que dá acceso a vivendas e á praia de Naval”, explicou.
O Concello de Oleiros xa denunciara o corremento de terras no transcurso das obras que Portos de Galicia levou a cabo ata hai unhas semanas. Agora a entidade autonómica acaba de contestarlle ao Concello cun informe infantil no que non se fala de construír un muro similar ao que fixeron na outra parte e no que tamén declaran que esa zona non é da súa competencia, cando os documentos oficiais din o contrario.