Oleiros, 25 de agosto de 2016-. A loita do Goberno municipal para erradicar a avespa velutina avanza sen descanso. O Concello de Oleiros leva retirados no que vai de ano 258 niños desta especie invasora. Nestes momentos, estanse a eliminar entre 4 e 6 niños ao día no municipio, o que implica un importante esforzo para o Servizo de Emerxencias e Protección Civil.
A expansión desta especie invasora, ademais de supoñer un grave risco para as persoas, está a causar importantes estragos na flora e fauna galega. A Xunta de Galicia, a través da empresa TRAGSA, debería asumir as súas competencias e realizar a retirada de niños, pero polo momento o organismo autonómico non está a respostar de xeito eficaz a este importante problema.
Ante a gravidade do asunto, o Concello de Oleiros está a realizar a retirada dos niños que se van detectando no municipio. Estes traballos supoñen un importante gasto económico para as arcas municipais. Só en insecticidas estanse a gastar unha media de 500 euros cada dúas semanas. Ademais, está o pagamento de horas extras aos traballadores municipais –os niños hai que quitalos polas noites-, compra de traxes especiais, pértegas e demais elementos precisos.
No caso daqueles niños que se atopan a máis de 20 metros de altura, os medios cos que conta o Concello non son válidos e os períodos de resposta da Xunta son excesivamente longos. O Consorcio Provincial de Bombeiros tampouco está a realizar estas tarefas e tan só o Concello da Coruña, cun camión de bombeiros, ten colaborado co Concello de Oleiros na retirada deses niños.