Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello lanza o obradoiro “Surfeando coas Nosas Emocións” para mellorar a saúde mental da mocidade

Ante o preocupante incremento dos problemas de saúde mental na adolescencia —agravados nos últimos anos— e a evidente carencia de recursos suficientes na sanidade pública para dar unha resposta inmediata, o Concello de Oleiros dá continuidade ao seu compromiso activo co benestar dos seus veciños e veciñas máis novos. Co obxectivo de ofrecer ferramentas reais de apoio, ponse en marcha “Surfeando coas Nosas Emocións”, unha nova actividade gratuíta deseñada especificamente para mozos e mozas de entre 12 e 15 anos.

A adolescencia é unha etapa de cambios profundos e vulnerabilidade onde a presión académica, as redes sociais e os conflitos identitarios poden xerar niveis de ansiedade difíciles de xestionar sen axuda profesional. O Concello considera prioritario intervir de forma preventiva, proporcionando un espazo seguro onde a mocidade poida expresarse sen ser xulgada, compensando así o baleiro asistencial actual do sistema sanitario público.

O obradoiro, que será impartido por unha psicóloga e un educador social, non se limita á teoría, senón que busca un impacto práctico na vida diaria dos adolescentes. Os principais beneficios que se pretenden alcanzar son:

-    Fortalecemento da intelixencia emocional: Aprender a identificar e dar nome ao que senten para evitar o bloqueo ou a frustración.

-    Redución do estrés e a ansiedade: Dotar aos mozos de estratexias de "surfeo" emocional para que as situacións difíciles non os somerxan.

-    Mellora da autoestima e habilidades sociais: O formato de dinámica grupal permite que os participantes vexan que non están sós nos seus problemas, fomentando a empatía e o apoio entre iguais.

-    Prevención de condutas de risco: Unha boa xestión emocional é a mellor barreira contra o illamento social ou outros problemas de saúde máis graves no futuro.

O obradoiro desenvolverase durante 8 sesións na Casa da Cultura de Perillo (3º andar), en horario de 18:30 a 20:00 horas. A actividade é totalmente de balde, reafirmando a aposta do Concello por uns servizos sociais de calidade e accesibles para todos. 
O prazo de inscrición abrirase o vindeiro luns 9 de febreiro ás 8:00 horas. As persoas interesadas deberán cubrir o formulario dispoñible na páxina web municipal.
 

back link