Oleiros, 5 de outubro de 2015-. Nas últimas semanas acometéronse diversos traballos de mellora na iluminación, na imaxe e na accesibilidade do Mercado Municipal de Perillo. En total, o Concello de Oleiros investiu 24.321euros en todas esas actuacións.
A iluminación do recinto experimentou unha importante renovación grazas á optimización da distribución e aos axustes realizados para cumprir cos requisitos luminotécnicos. Ademais, reducíronse os custos enerxéticos mediante a instalación de equipos led, moito máis eficientes tecnoloxicamente. Entre as vantaxes dos led destaca o seu ratio de eficiencia luminosidade/watio que permite consumir menos enerxía proporcionando unha mellor iluminación. Tamén diminúen os gastos de mantemento pola súa maior vida útil, fronte ás tecnoloxías tradicionais. Iso supón que os custos regulares de reposición descenden notablemente.
Na sala principal da planta superior do mercado substituíronse as luminarias actuais, carentes de sistemas ópticos de difusor e reflector, por luminarias de maior rendemento. Nos aseos cambiáronse os interruptores convencionais por detectores de presenza. Nos soportais da rúa Nelson Mandela instaláronse pantallas led e nas escaleiras interiores plafóns led.
Para mellorar a imaxe do edificio, procedeuse á renovación da rede de pluviais (caneiros e baixantes) que non funcionaba axeitadamente e producían, puntualmente, manchas na fachada por desborde. Unha vez solucionado o problema, limpáronse as paredes exteriores e recompúxose unha pequena superficie. Tamén foi cambiado o vinilo do corredor que tiña un grao de deterioración importante.
En canto ás melloras na accesibilidade destaca a creación dun aparcadoiro de bicicletas cos seus correspondentes elementos. Ademais, foi mellorado o paso de peóns existente.