O prazo de inscrición estará aberto durante un mes, unha vez rematado realizarase un sorteo público para establecer a orde da lista de participantes. Ademais, durante o mes de xullo celebrarase unha asemblea informativa con todas as persoas inscritas na que se ofrecerán todos os detalles sobre o desenvolvemento da promoción e as condicións de acceso ás vivendas.
Esta nova actuación súmase ás cooperativas que xa están en marcha no municipio por iniciativa do Goberno municipal. Actualmente atópanse en construción un total de 148 pisos nas zonas de Perillo, Xaz e Mera. No caso da promoción de Mera, integrada por 28 vivendas, o inicio das obras está pendente da aprobación definitiva por parte da Xunta da modificación urbanística correspondente.
Os prezos das vivendas están establecidos pola Xunta de Galicia e varían en función da superficie. Como referencia, un piso de tres habitacións sitúase arredor dos 210.000 euros. A esta cantidade haberá que descontarlle as axudas públicas previstas: unha subvención inicial de 10.000 euros e unha nova subvención de 20.000 euros que se aplicará no momento da formalización da escritura –no caso das novas cooperativas só está prevista a axuda dos 20.000 euros-.
O Concello continúa así avanzando nas políticas destinadas a facilitar o acceso á vivenda, especialmente para as familias que queren continuar vivindo no municipio, promovendo fórmulas cooperativas que permiten reducir custos e ampliar as oportunidades de acceso a unha vivenda de calidade.