Oleiros, 24 de novembro de 2015-. O Goberno municipal vaille requirir á Xunta de Galicia que habilite un espazo dentro do CEIP Valle Inclán para que os nenos e nenas poidan utilizar como comedor escolar. Ademais, o Concello de Oleiros tamén lle reclamará á Consellería de Educación a entrega da obra do novo colexio de Nós.
O Concello de Oleiros considera que a mellor solución para o alumnado que utiliza o comedor escolar no Valle Inclán é o traslado deste espazo ao interior do edificio. “Solicitarémoslle á Xunta que retire eses galpóns de latón e que se monte un comedor dentro do centro, que hai sitio”, explicou o alcalde de Oleiros Ángel García Seoane.
Ademais, o alcalde tamén comentou que a Consellería de Educación aínda non lle entregou a obra do novo colexio de Nós ao Concello. “Estásenos a requirir que nos ocupemos de deficiencias que presenta o centro escolar pero a Xunta aínda non nos entregou os papeis da obra”, dixo o alcalde.