Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello envía á Xunta as principais demandas de mellora para o transporte público

O Concello de Oleiros trasladou á Consellería de Presidencia as principais deficiencias sobre a prestación do servizo de autobús no municipio, tal como quedaran os alcaldes e acaldesas da comarca na súa recente reunión coas autoridades autonómicas. Para renovar o convenio de colaboración económica coa Xunta e continuar sufragando o 20% do custo do servizo, requírense unha serie de melloras, especialmente á capacidade do servizo en horas punta, que é a principal eiva detectada por usuarias e usuarios.

Nomeadamente, as liñas que deben reforzar os seus servizos en horas punta son sobre todo a B9 (que cubre as parroquias de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo) e a B3, que dá servizo a Oleiros, Montrove e Perillo e que debería reducir a súa frecuencia dos actuais 40 minutos, a 20, cando menos en horas punta.

Tamén a liña B1 require unha mellora de frecuencias ou de capacidade dos autobuses e a súa prolongación ata o centro da parroquia de Nós (zona da igrexa) para atender á demanda desta parroquia de 5.000 habitantes con gran potencial de uso do autobús.

No capítulo de implementacións, compre citar novos servizos á urbanización de Xaz, que poderían casar co reforzo da liña B9 para as localidades de Dorneda, Santa Cruz e Perillo. Así mesmo, o Concello cita tamén a necesidade dunha nova liña circular entre Perillo e o Campus Universitario que funcione nas horas de entrada e saída das aulas.

En canto a unha visión máis de futuro, Oleiros solicita un estudo rigoroso para a implementación de novas liñas entre os principais núcleos de poboación e os polígonos da comarca, centros médicos e as principais localidades doutros municipios, así como que o sistema responda con maior axilidade ás necesidades estacionais, comerciais e de ocio para adaptarse mellor ás necesidades cidadás.

O actual servizo supramunicipal entre Oleiros, Cambre e Culleredo debe ser asumido pola Xunta ou retirado, xa que non responde ás necesidades do municipio. Trasládase tamén á Xunta a intención de crear unha liña interior no municipio para que a empresa concesionaria poida estudiala e poñela en marcha.
 

back link