Oleiros, 14 de marzo de 2011-. O Concello de Oleiros levou a cabo a elaboración dun Plan municipal de camiños públicos. Este traballo está composto por un directorio de camiños no que se recollen practicamente a totalidade deste tipo de vías, pero os técnicos municipais destacan que non debe confundirse cun plan de estradas. No documento reflíctese a inmensa rede de camiños municipais, tanto os activos e recoñecidos como tales, como aqueloutros que o Concello entende que se deben integrar na rede de camiños públicos por ser vías que dan acceso a núcleos en lugares habitados do municipio ou serven para conectar distintas localidades e zonas de residencia, antigamente coñecidos como camiños de carro.
Este plan estará exposto a partir do próximo día 16 de marzo na casa Charry, situada nas inmediacións da Casa do Concello. O traballo poderá ser consultado durante 20 días de luns a venres de 10.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.00 horas. Os sábados permanecerá dispoñible ao público de 10.00 a 13.00 horas.
A importancia deste traballo é moi alta dado que nos últimos tempos se están a suceder múltiples preitos causados por veciños que se autodenominan como propietarios dos camiños. Isto impide, en moitos casos, a instalación de servizos públicos nestes, e en ocasións, pode orixinar a prohibición da construción por non ter categoría de vía pública.