Oleiros, 13 de maio de 2021-. O Concello de Oleiros e 28 entidades sociais, culturais e deportivas do municipio solicitaron á Xunta de Galicia a concesión da Medalla Emilia Pardo Bazán a título póstumo a Esther Pita, en recoñecemento ás numerosas accións relevantes que levou a cabo ao longo da súa vida en prol da igualdade entre mulleres e homes. Esther Pita Pita foi alcaldesa de Oleiros entre os anos 1996 e 2003 e concelleira municipal desde o ano 1979 ata o 2003.
Hemeroteca
Asset Publisher
Esther foi unha precursora do feminismo e unha loitadora incansable polos dereitos das mulleres. Traballou sempre desde unha perspectiva de igualdade desde a participación cidadá, liderando o movemento veciñal en Santa Cruz e creando a Asociación de Veciños. Foi unha persoa transversal e polivalente, integradora e dinamizadora dende o compromiso e o corazón. Unha persoa xenerosa que sempre ofrecía o seu tempo e se desprendía dos seus bens para acadar a igualdade e o benestar de toda a cidadanía.
Sempre foi unha muller especialmente preocupada polas persoas maiores e desde a concellería de Servizos Sociais desenvolveu un traballo moi importante, que aínda perdura e que é unha referencia máis alá de Oleiros. Ocupou a alcaldía entre os anos 1996 e 2003, cando Ángel García Seoane foi inhabilitado polas pedras da praia de Santa Cristina. O seu compromiso co seu pobo sempre foi total e contribuíu ao progreso do municipio en todos os ámbitos.
A Medalla Emilia Pardo Bazán é o máximo recoñecemento da Xunta de Galicia á labor das persoas que loitaron a favor da igualdade entre homes e mulleres para construír unha sociedade más igualitaria baseada nos principios de igualdade, xustiza e solidariedade.