Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello destina 15.000 euros a axudar a 100 familias cos gastos do inicio do curso escolar

Oleiros, 25 de agosto de 2017-. O Concello de Oleiros fixo pública a relación de familias que recibirán das prestacións de apoio á escolarización para o curso 2017/2018. As listaxes estarán expostas no taboleiro de edictos do Concello e no Departamento de Servizos Sociais, poderán consultarse en persoa ou telefonicamente a través do teléfono de atención ao veciño 981 610 000.

O obxectivo destas prestacións, de pago único e con carácter finalista, é axudar ás familias nunha peor situación económica a cubrir os gastos extraordinarios que supón o inicio do curso escolar (material escolar, mochilas, dicionarios, libros…). Estas subvencións son compatibles coas  axudas que poidan conceder outras administracións, que normalmente están dirixidas a libros e son insuficientes para cubrir todas as necesidades que se orixinan nunha familia con menores en idade escolar.

Aproximadamente na segunda semana de setembro, coincidindo co inicio do curso escolar, as familias beneficiadas recibirán a axuda en efectivo tras a correspondente tramitación administrativa. Todas as solicitudes que cumpriron os requisitos esixidos na convocatoria e presentaron a documentación necesaria para poder valoralas foron concedidas. Unicamente quedaron excluídas aquelas que non cumprían os criterios recollidos ou non presentaron algún documento esencial para a súa resolución.

Na convocatoria deste ano presentáronse un total de 129 solicitudes para 225 menores, 103 nenas e 122 nenos. De todas elas foron concedidas finalmente a 94 familias, sendo un total de 86 nenos e 75 nenas os menores beneficiados por estas axudas por un importe total de 14.550 €.

 

back link