Oleiros, 13 de xuño de 2016-. O vindeiro 22 de xuño o Concello de Oleiros tomará posesión do cuarto adxacente á caseta da gasolineira de Santa Cruz. Unha vez cumprido ese trámite administrativo, o Concello procederá de xeito inmediato á demolición da edificación para liberar definitivamente o terreo e construír unha rotonda que alivie os importantes problemas de tráfico existentes nese punto da estrada AC-173.
O cuarto en cuestión non puido ser ocupado co resto das dependencias da gasolineira xa que figuraba como sede social de Distribuciones Taula e a lei obrigaba a ter un permiso especial da xustiza, que foi recibido o venres. Agora, os operarios municipais serán os encargados de acometer a demolición da construción. A empresa Cepsa tamén terá que concluír cos últimos traballos de desgasificación e descontaminación do solo.