Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello denuncia o peche da sucursal do banco Santander en Santa Cruz

A partir do 10 de abril a oficina do Banco Santander de Santa Cruz pechará as súas portas ao público prexudicando a máis de 15.400 veciños de Liáns e Dorneda e a máis de 750 empresas e autónomos.


A exclusión social e financeira por parte da entidades bancarias estase cebando coa veciñanza, as empresas, pequenos autónomos e pemes do núcleo de Santa Cruz. Máis de 15.400 veciños e veciñas e 750 empresas e pequenos autónomos de Liáns e contorna quedarán sen atendemento presencial por parte do Banco Santander xerando un gran prexuízo para a poboación en xeral, especialmente para o colectivo de persoas de máis idade.

O Concello de Oleiros denuncia a privación de atendemento presencial por parte de entidades financeiras como o Banco Santander que obtivo beneficio 14.101 millóns de euros no 2025 e prevé acadar un novo récord histórico de ganancias no 2026, superando os 14.000 millóns; segundo anuncia a súa presidenta Ana Botín.

A atención presencial nas entidades financeiras é unha necesidade básica dos veciños e veciñas. No núcleo de Santa Cruz contábase, na últimas décadas, con 6 entidades financeiras distintas con sucursais abertas ao público; mentres que a partir do día 10 de abril só ficarán dúas e 4 caixeiros.  

Oleiros denuncia que non se pode permitir que se reduzan as prestacións básicas no ámbito local coa escusa do avance da dixitalización (promoción da banca electrónica, uso de tarxetas e apps) e a reorganización ou concentración de oficinas, o que obrigará á cidadanía e empresas a desprazarse a municipios ou parroquias veciñas (no caso do Banco Sabadell, os usuarios deben desprazarse a Cambre) contribuíndo a un prexuízo maior (gastos de desprazamento) para toda a cidadanía; especialmente a de maior idade que se ve totalmente excluída no que a autonomía financeira se refire. O peche de oficinas impide que este colectivo se desenvolva de forma autónoma nas sucursais bancarias para a realización de operacións básicas como o cobro das pensións ou abonar calquera recibo, obrigándoos a depender de terceiras persoas.

“O peche de oficinas empezou no rural e está xa presente nas cidades con maior poboación. É unha discriminación total por parte das entidades financeiras que xogan cos nosos cartos e non nos dan servizo. Imos denunciar ante o propio Banco Santander e a Xunta de Galicia esta situación e emprazamos a toda a veciñanza a que interpoña queixas ante as súas oficinas bancarias polos peche das mesmas.”, afirmou o alcalde de Oleiros.
 

back link