Oleiros, 10 de novembro de 2011-. O Concello de Oleiros demandará ao Bispado que leve a cabo traballos de conservación e recuperación na igrexa vella da parroquia de Liáns, situada en Montrove. Este templo necesita urxentemente que se leven a cabo traballos de conservación, tanto no edificio parroquial como no contorno inmediato deste (vestíbulo, accesos, reparación de cuberta e humidades, etc.).
O Concello dirixirá unha carta ao Bispado demandando que leve a cabo obras nesta igrexa, que se atopa gravemente degradada. Ademais, o Goberno local recórdalle ao Bispado que a familia Abente doou os seus bens para este fin. A herdanza sinala que todos os beneficios que se obtivesen serían destinados á parroquia de Liáns. O documento cita claramente que o beneficio sería destinado «a fins relixiosos e mais de culto católico na mencionada parroquia de Santa Eulalia de Liáns». Os ditos bens foron vendidos posteriormente pola Igrexa por un importe de 530 millóns de pesetas no ano 1989, sen que ao Concello de Oleiros lle consten máis reparacións que a levada a cabo por parte da Igrexa en 1991 a petición do Goberno local e que tan só supuxo un investimento de 3 millóns de pesetas.