Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros ten preparado un amplo dispositivo para a noite de San Xoán

Oleiros, 22 de xuño de 2017-. O Concello de Oleiros ten preparado para mañá un importante despregamento para evitar a contaminación das praias e impedir posibles incidentes. Policía Local, Protección Civil, Servizo Municipal de Emerxencias, socorristas e operarios de limpeza, ademais dos axentes da Garda Civil, traballarán arreo durante toda a noite para que a festa transcorra sen incidentes e para que as praias estean en perfecto estado para o seu uso o día seguinte.

As fogueiras poderán facerse nas praias a partir das 20:00 horas, previa solicitude de autorización. As zonas para colocar a leña estarán indicadas con cintas para evitar que a preamar leva os restos das fogueiras. Estará prohibido o acceso aos areais con mobles, sofás, trastes vellos, palés ou calquera elemento que conteña cravos. Para facilitar a realización de fogueiras, repartiranse gratuitamente 100 metros cúbicos de madeira nas inmediacións das praias de Bastiagueiro, Santa Cristina e Mera. Tamén estará prohibida a introdución de botellas de cristal ou calquera elemento que conteña vidro, para evitar posibles accidentes para os bañistas que usarán o areais os días seguintes.

O Concello de Oleiros lembra a importancia de actuar con precaución e responsabilidade para non ter que lamentar incidentes. A primeira hora da mañá realizarase unha limpeza exhaustiva de todas as praias.
 

back link