Oleiros, 13 de xaneiro de 2012-. O Concello de Oleiros solicita a participación cidadá para impedir os roubos de cable do tendido eléctrico. A concelleira de Interior e Seguridade Cidadá, María José Varela, manifestou esta mañá que a colaboración dos veciños e veciñas é fundamental para completar o traballo que levan a cabo a Policía Local e a Garda Civil contra os roubos de cobre. «Os ladróns utilizan habitualmente datas sinaladas e horas intempestivas para realizar este tipo de roubos. Se algún veciño se decata de que a luz se vai é preferible que avise de inmediato á Policía Local co risco de que sexa unha falsa alarma antes que o deixe pasar», asegurou a edila de Seguridade Cidadá.
Varela sinalou que o último roubo deste tipo produciuse na noite de fin de ano na urbanización A Pezoca, na localidade de Santa María de Oleiros, nas inmediacións do cuartel da Garda Civil. «Os danos superan os 18.000 euros. Non estamos falando dun problema local, trátase dun grave problema que afecta ao conxunto do Estado», sinalou. «Sabemos que a extracción de cable se realiza desde vehículos para retirar o cable no menor tempo posible, por iso se alguén ve unha furgoneta ou camioneta recorrendo unha zona determinada nun horario fóra do habitual como é a madrugada é preferible que avise á policía», apuntou.
Pintadas e actos vandálicos
María José Varela referiuse tamén ao traballo que a Policía Localestán levando a cabo no municipio contra as pintadas vandálicas en bens públicos e privados. Varela asegurou que a loita contra este problema, tratado recentemente na Xunta de Seguridade Local celebrada a finais do pasado ano, está dando os seus froitos. «Estase facendo un gran traballo. Desde que se empezou a traballar de forma específica o pasado ano producíronse numerosas identificacións», sinalou. Varela asegurou que o Concello non só se limita a combater este problema adolescente a través da Policía, ademais o Concello de Oleiros está facendo un importante traballo de concienciación desde diversas áreas municipais como Cultura, Educación e Xuventude.