Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros retira cinco niños de velutinas situados a grande altura

Oleiros, 17 de febreiro de 2016-. O Servizo Municipal de Emerxencias do Concello de Oleiros retirou no día de onte un total de cinco niños de avespas asiáticas ás que non se puido acceder con anterioridade debido á elevada altura á que se atopaban. O parque comarcal de bombeiros da Coruña colaborou nestas tarefas cun camión autoescala de gran porte (ata 40 metros de altura) e dous bombeiros.

Para a retirada destes niños o único método efectivo era utilizar un camión autoescala. Ante a negativa do parque comarcal de bombeiros de utilizar o seu camión para estes traballos, a inoperancia da Xunta de Galicia e a inexistencia de medios municipais para que o Concello acometese directamente estas actuacións, organizouse un dispositivo que contou coa colaboración do parque comarcal de bombeiros da Coruña.

As cinco actuacións realizáronse na rúa Tierno Galván -ao carón da Lagoa-, na avenida Salvador Allende -a altura do número 56-, na rúa Ícaro, na rúa Pablo Picasso e na rúa Os Grilos. Os niños non presentaban actividade algunha e, unha vez na base, foron queimados.

O dispositivo comezou ás 16:00 horas e rematou ás 21:00 horas. Participaron nestes traballos un oficial e dous axentes da policía local para escoltar e regular o tráfico na retirada, o coordinador e dous axentes do Servizo Municipal de Emerxencias e dous bombeiros do Concello da Coruña.

 

back link