Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros presenta a súa programación cultural de outono

Oleiros, 29 de agosto de 2014-. O Concello de Oleiros presenta a súa programación cultural de outono, que dará inicio o vindeiro 6 de setembro coa obra de teatro: Las Esposas Alegres de Windsor, representada pola Compañía de Teatro e Danza El Ruiseñor no auditorio Gabriel García Márquez, de Mera, ás 20.30 horas.
 
O Concello de Oleiros, desde o Departamento de Cultura, vén de presentar un amplo programa de actividades culturais para este outono. O teatro, a música e as exposicións de pintura, escultura e fotografía son as principais ofertas.
 
O centro cultural das Torres, situado en Sta. Cruz, acollerá os diversos obradoiros que se teñen programado. O taller infantil e xuvenil de teatro dará comezo a partir de setembro deste ano ata xuño do ano que vén. O curso para dultos será de outubro a novembro deste ano. Ambos impartiranse no auditorio. A olería ofrecerase de outubro de 2014 a xuño de 2015, en horario de 18.30 a 20.30 horas, terán lugar no Alfar, sito no xardín das Torres. E, por último, a escritura terá o seu momento durante o mes de outubro abranguendo diversos campos: o guión teatral, como escribir un conto e como escribir un relato, desenvolvéndose na Biblioteca e Centro de Documentación da Muller Rosalía de Castro, instalación que se atopa nos baixos das Torres.
 
O centro cultural A Fábrica acollerá exposicións individuais e colectivas no período comprendido entre os meses de setembro a decembro. As exposicións das diversas disciplinas permanecerán de cara ao público durante aproximadamente 2 semanas no empeño de difundir a cultura en todos os eidos.
 
O teatro será o protagonista a partir de setembro. O auditorio Gabriel García Márquez acollerá case toda a oferta dramática a partir das 20.30 horas.
 
A obra “Valados” é a peza escollida coa finalidade de difundir as artes escénicas entre o público escolar infantil e xuvenil dos centros de primaria de Oleiros. Durante os meses de setembro e outubro os nenos e nenas do Concello poderán gozar desta magnífica peza.
 
O V Ciclo de Teatro Xuvenil celebrarase durante as tres primeiras fins de semana de setembro no auditorio coas obras: Las Esposas Alegres de Windsor, Noites de Amor e Troula e Romeo e Xulieta.
 
A partir do 27 de setembro a oferta teatral seguirá a ser variada, desde a comedia, pasando polo drama ou o teatro musical. Actores consagrados como Gustavo Pernas ou Carlos Blanco daranlle lustre ás táboas do escenario oleirense.
 
A música será outro dos pratos fortes da programación de outono. O jazz, a samba ou a música clásica coparán a oferta. O auditorio da Fábrica é o escenario escollido para estas interpretacións.
 
O xa tradicional Concerto de Nadal das corais municipais pechará o ciclo cultural de outono o 21 de decembro ás 19.30 horas no auditorio de Mera.
 
Podes acceder ao programa completo en PDF premendo aquí.
 
back link