Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros organiza unhas xornadas de seguridade na rede

Oleiros, 19 de marzo de 2013.– O Centro de Información Xuvenil do Concello de Oleiros, organiza unhas xornadas sobre Seguridade na rede, que terán lugar mañá no Centro Cultural A Fábrica ás 20:00 horas. Estas xornadas, impartidas por formadores da Garda Civil, están dirixidas a todos os pais e nais así como aos veciños e veciñas interesados no uso das novas tecnoloxías e na prevención dos riscos producidos polo uso inadecuado de Internet.

Ao longo das xornadas detallaranse unha serie de normas de seguridade que cómpre ter en conta no uso diario do noso ordenador, e sobre todo no uso por parte dos máis novos. Xunto a isto, trataremos a necesidade de transmitirlles aos máis novos que internet non só é unha ferramenta de ocio senón que ten innumerables posibilidades, fomentando así as súas virtudes e prevelos dos seus perigos.

O obxectivo desta iniciativa é colaborar cos pais e coas nais para crear na mocidade uns hábitos de navegación segura e dentro da lei, así como de ensinarlle a estar previda fronte aos riscos de internet. A prevención é a mellor maneira de evitar perigos para nós e para a xente nova, segundo sinalan os expertos.

As novas tecnoloxías, presentes no noso día a día, evolucionan a un ritmo vertixinoso, o que provoca que non todos accedan a esas novas tecnoloxías e novidades á mesma velocidade nin se adaptan igual. Os rapaces e as rapazas adáptanse máis rápido e mellor a estes cambios que as persoas adultas, pero a mocidade carece de experiencia e madurez para detectar os perigos que se poden atopar pola rede.
 

back link