Oleiros, 7 de febreiro de 2014-. O Concello de Oleiros organiza un programa de divulgación científica. Baixo o título Ler para saber, a Biblioteca Central Rialeda, sita en Perillo, acollera os venres ás 18.30 horas un total de oito charlas sobre temas científicos dirixidas a nenas e nenos a partir de 10 anos de idade, adolescentes e público en xeral.
Os obxectivos que con esta iniciativa pretenden conseguir o Goberno local son, fundamentalmente, achegar a ciencia a todas as persoas, ampliar os coñecementos sobre temas científicos de importancia na vida diaria, fomentar o coñecemento específico dunha materia determinada, dinamizar os fondos bibliográficos que tratan estes temas e atraer á biblioteca a un público interesado pola ciencia. En definitiva, fomentar a lectura e a consulta de libros que traten estas temáticas.
Dentro desta actividade, programáronse charlas sobre aspectos moi diferentes para atraer a un público de gustos diversos e variados como microbioloxía, comportamento animal, bioloxía, medicina, matemáticas, neurociencia, mitoloxía ou arqueoloxía.
Programación:
14 de febreiro
OS MICROBIOS E TI
Ángeles Cid Blanco. Doutora en Bioloxía. Profesora de Microbioloxía da Universidade da Coruña.
21 de febreiro
ANIMAIS MENTIREIROS
María José Servia García. Doutora en Bioloxía. Profesora de Comportamento Animal da Universidade da Coruña.
14 de marzo
IMOS FALAR DE OVOS: A REPRODUCIÓN OVÍPARA DOS ANIMAIS
Francisco Armesto Ramón. Biólogo. Director técnico de proxectos dos Museos Científicos Coruñeses (=mc2).
21 de marzo
TI PODES SALVAR UNHA VIDA. APRENDEMOS A RCP?
Carlos Agrasar Cruz. Licenciado en Medicina e Cirurxía. Doutor en Educación Física. Profesor de Anatomía da Universidade da Coruña.
28 de marzo
AVANCES DA REALIDADE VIRTUAL: DO VIDEOXOGO AO PARKINSON
Verónica Robles García. Investigadora no grupo de Neurociencia (NEUROcom) da Universidade da Coruña.
4 de abril
MATEMÁTICAS APLICADAS Á CONSTRUCIÓN
Isabel Martínez Lage. Doutora Enxeñeira de Camiños, Canais e Portos. Profesora de Enxeñería da Construción da Universidade da Coruña.
25 de abril
NA PROCURA DOS DEUSES DA IDADE DO FERRO. DA CIENCIA Á FANTASÍA CON VENTO E CHUVIA
Manuel Gago Mariño. Profesor da Universidade de Santiago de Compostela, na Facultade de Ciencias da Comunicación. Director de culturagalega.org, portal de divulgación do Consello da Cultura Galega.
Soledad Felloza. Actriz e fotógrafa.
9 de maio
A TORRE DOS MOUROS NOS TEMPOS DOS VIQUINGOS. A LUZ DA ARQUEOLOXÍA PARA ÉPOCA ESCURA
Antón Fernández Malde. Arqueólogo. Director da equipa de investigación do Castro das Travesas.