Oleiros, 10 de febreiro de 2012-. O auditorio Gabriel García Márquez de Mera acolle mañá sábado 11 de febreiro a partir das 20:30 horas o pase da traxicomedia Montaxe, dirixida polo dramaturgo Gorka Ganso e que se inclúe no xénero cualificado como novo circo. O prezo da entrada está fixado en 2,5 euros. A venda empeza ás 19.30 horas e despacharanse entradas ata completar a capacidade da sala.
O espectáculo, orientado a un público maior de 12 anos, trata de forma creativa o illamento comunicativo entre persoas. Segundo a compañía responsable do pase, trátase dunha traxicomedia na que non é fácil distinguir onde termina o teatro e onde comeza o circo. É unha historia contada sen palabras, na que dúas personalidades opostas terán que achegarse e sumarse. O espectáculo ten unha duración aproximada de 50 minutos.