Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros organiza numerosas actividades con motivo do 8-M

Imagen O Concello de Oleiros organiza numerosas actividades con motivo do 8-M

O Concello de Oleiros conmemora o 8M, Día Internacional das Mulleres, cun programa de actividades que combina memoria, reflexión, cultura e participación comunitaria. Ao longo do mes de marzo, desenvolveranse diversas propostas dirixidas a públicos de todas as idades, reafirmando o compromiso municipal coa igualdade real e coa visibilización das mulleres en todos os ámbitos da sociedade.

Un dos actos centrais da programación será o faladoiro “Memoria, dignidade e xustiza: o franquista Patronato de Protección a la Mujer”, que terá lugar o 6 de marzo ás 19:30 horas no Auditorio da Fábrica. O encontro contará coa participación de superviventes  e investigadoras, e abrirá un espazo de diálogo arredor da memoria histórica e da reparación das inxustizas sufridas por milleiros de mulleres durante o franquismo.

O propio 8 de marzo, iluminarase en cor violeta o Castelo de Santa Cruz como símbolo de compromiso colectivo coa igualdade. Ademais, ao longo do mes publicarase nas plataformas dixitais municipais o vídeo manifesto “Semente de vencer”, realizado en colaboración cos clubs deportivos municipais, reforzando a mensaxe de que o cambio tamén se constrúe desde o deporte e o traballo en equipo.

Dentro da programación inclúese tamén o obradoiro “Coñecerse é vivirse”, centrado nesta edición na nutrición durante a menopausa, que se celebrará o 24 de marzo no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo. A información sobre inscricións, horarios e demais detalles difundirase a través das canles municipais habituais.

Ademais, un ano máis, as bibliotecas municipais súmanse á conmemoración cunha ampla programación infantil e familiar. Haberá sesións de “Hora do conto” para diferentes idades ao longo da primeira quincena de marzo nas distintas parroquias, así como exposicións bibliográficas temáticas baixo o título “As estacións en feminino”, dirixidas a público adulto e infantil, nas que se destacará a contribución das mulleres á literatura, á ciencia, aos dereitos civís e ás artes. Durante todo o mes tamén poderán visitarse mostras específicas nas distintas bibliotecas municipais, poñendo o foco en escritoras actuais, mulleres que abriron camiño e na defensa dos dereitos das mulleres e nenas.

No ámbito educativo, desenvólvese un ano máis o concurso de lemas co alumnado dos centros municipais, desde o Servizo de Normalización Lingüística, e a actividade teatral “Directas ao espazo”, a cargo de Trémola Teatro, dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Educación Infantil do CEIP Isidro Parga Pondal.

Con esta programación, o Concello de Oleiros reafirma a súa vontade de seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta, igualitaria e consciente da importancia da memoria e da acción colectiva.