Oleiros, 30 xaneiro de 2012-. O Concello de Oleiros, a través da Rede de Bibliotecas Municipais, organiza a mostra Emilia Pardo Bazán: a condesa rebelde, que permanecerá instalada na biblioteca Rosalía de Castro na localidade de Santa Cruz ata finais do mes de marzo. A exposición, composta por varias obras escritas por dona Emilia ou dedicadas a ela en parte ou na súa totalidade, pretende ser unha homenaxe a unha muller polifacética e das máis avanzadas do seu tempo. O monográfico será clausurado por unha conferencia onde se citarán estudosos da autora e que estará aberta a todo o público.
Nada na Coruña a mediados do XIX nunha familia moi ben situada economicamente, pasa os seus primeiros anos na cidade con estadías en Madrid e Sanxenxo. Recibe unha educación conforme á súa clase social e no 1868 casa con José Quiroga, estudante de Dereito. Viaxa por Europa e no 1876 ten o seu primeiro fillo. Segue escribindo e publica o libro, Pascual López, mentres colabora en revistas galegas e madrileñas. Os anos vindeiros son prolíficos con obras como Un viaje de novios e La tribuna (1882), ambientada na Coruña coas cigarreiras e deixando ver a súa oposición ao republicanismo.
Un ano máis tarde, aparece La cuestión palpitante, compendio de artigos sobre realismo e naturalismo, que suscitou unha grande polémica nos medios literarios e xornalísticos. Sempre activa, funda no 1884 xunto con outros intelectuais coruñeses a sociedade El folklore gallego, interesada no estudo da cultura popular dentro dun contorno como o rexionalismo. Pronuncia unha conferencia no Circo de Artesáns en memoria de Rosalía de Castro, tendo discrepancias por isto con Manuel Murguía. Sepárase do seu home, feito inusual nesa época. No 1886 pasa uns meses en París e redacta Los Pazos de Ulloa, ambientada no rural galego e con claras ligazóns co naturalismo de Zola. De volta en Madrid, mantén relacións con Pérez Galdós e Lázaro Galdiano. Posteriormente, funda a Biblioteca de la Mujer, iniciativa novidosa para publicar libros de socioloxía, relixión, literatura e economía doméstica. Comparte ideas coa xeración do 98. Xa no século XX, viaxa por Europa e segue publicando en prensa e revistas especializadas. A súa candidatura á Real Academia Española é rexeitada, mentres no 1914 é condecorada polo rei. Morre en Madrid en 1921 publicando en ABC o seu último artigo.