Oleiros, 29 de setembro de 2011-. O Concello de Oleiros oponse á retirada por parte da Xunta de Galicia do transporte colectivo para as actividades extraescolares nos centros afectados por esta medida no municipio. O Goberno local sinala que se trata dun programa de actividades que completa a educación dos centos de rapaces e rapazas que diariamente asisten a estas clases. Ademais, apunta que a materialización desta medida levaría a reformular a posibilidade de recuperar o horario de xornada partida. Así mesmo, o Goberno local de Oleiros, apoia totalmente a postura dos pais e das nais dos do alumnado afectado, das ANPA e das direccións dos centros.
Por outra banda, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane sinalou que o Concello apoiará ata o final os pais e as nais dos rapaces e rapazas afectados pola falta de seguridade viaria no contorno da N-VI ao seu paso polo Carballo, xa que os escolares están obrigados a xogarse a vida a diario. «O Concello apoiará os pais e as nais por que é un dereito inalienable», sinalou o alcalde.