Oleiros, 11 de outubro de 2016-. A moción do Concello de Oleiros para auditar as contas do Consorcio das Mariñas e as da empresa que presta o servizo de recollida de lixo será presentada novamente no vindeiro pleno do organismo comarcal. O presidente do ente impediu que se presentara a proposta na sesión celebrada onte, alegando o carácter extraordinario do pleno.
A lentitude no proceso de constitución da mancomunidade, que debía estar funcionando desde comezos do ano 2016, está a provocar a continuidade no tempo do Consorcio. A coñecida popularmente como Lei Montoro, que marcaba a disolución do Consorcio no 2015, tamén obriga a adscribir o organismo ao Concello de Oleiros por ser o municipio con maior número de habitantes.
Tanto a lexislación de ámbito nacional como a da Xunta de Galicia son claras e determinan que a aprobación dos orzamentos municipais está supeditada á presentación das contas do Consorcio, de aí a petición de auditoría por parte do Concello de Oleiros. “Non temos ningún empeño especial en presidir o Consorcio, pero non podemos facernos responsables da xestión de outro”, explicou a primeira tenente de alcalde María José Varela.