Oleiros, 26 de novembro de 2016-. O Concello de Oleiros lamenta profundamente o falecemento de Fidel Castro Ruz, comandante e xefe da revolución cubana e concelleiro honorífico do Concello de Oleiros. O seu nome está escrito, para ben, na historia do mundo e ninguén poderá borralo.
Fidel Castro é o revolucionario máis importante da historia da humanidade. Liderou a revolución cubana e resistiu heroicamente contra todos os ataques perpetrados polo imperio yanqui. Nunca se someteu aos Gobernos dos Estados Unidos que non conseguiron dobregalo nin derrotalo.
Castro tamén foi un gran libertador e xunto co pobo cubano, levou a independencia a moitos países do mundo que se atopaban subxugados aos colonizadores e aos gobernos asasinos. Especialmente en África conseguiu a liberación de Namibia, Mozambique, Angola, Congo, Etiopía…
Tamén levou a revolución a América Latina. Aínda que non a puido estender nos 60, si o conseguiu máis tarde, sen empregar as armas. Enviou médicos, mestres e asesores a Ecuador, Bolivia, Nicaragua, Venezuela e Brasil, países onde se derrocaron as ditaduras existentes para poñer no seu lugar gobernos democráticos. Hoxe, todos eses países, atópanse ameazados polo imperialismo norteamericano e as grandes multinacionais.
Ademais da súa incuestionable traxectoria política e revolucionara, Fidel era unha persoa dunha calidade humana inigualable. O seu exemplo, a súa loita e o seu legado nunca ficará no esquecemento do Concello de Oleiros. Ata sempre comandante!