Oleiros, 30 de outubro de 2018-. O Concello de Oleiros manifesta a súa tristeza polo falecemento do ilustre dramaturgo Gustavo Pernas Cora e traslada as súas condolencias á familia e amigos deste magnífico artista. Pernas ten actuado en moitas ocasións en Oleiros coa compañía Áncora Producións, xunto coa súa dona Ánxela G. Abalo.
Gustavo Pernas Cora é unha figura fundamental do teatro galego e conta cunha amplísima traxectoria. Pernas combinou ao longo da súa extensa carreira a actuación e a dirección teatral, a escrita de textos dramáticos e teóricos, e a dobraxe coa investigación. Dedicado profesionalmente ao teatro desde 1985, fundou con Anxela G. Abalo a compañía de teatro Áncora Producións na que dirixiu e interpretou os seus propios textos.