Oleiros, 12 de abril de 2017-. O Concello de Oleiros decidiu non asistir á Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano convocada onte, debido a que os concellos da área metropolitana da Coruña acordaron previamente solicitar unha reunión coa Conselleira de Infraestruturas para debater e transmitirlle a inquedanza existente en canto aos graves problemas no transporte público da comarca. O tótum revolútum formulado pola Xunta de Galicia coa xuntanza de onte, incluíndo a decenas de municipios de toda a provincia, non é a maneira de buscar unha solución a unha situación que afecta principalmente aos máis de 400.000 habitantes da área metropolitana coruñesa.
O Goberno municipal considera que a reunión solicitada polos alcaldes da comarca debe realizarse canto antes xa que se trata dunha cuestión moi importante que afecta especialmente á área metropolitana da Coruña, e non á provincia no seu conxunto. Os cidadáns levan agardando 38 anos por unha solución ao grave problema do transporte público.
O Concello de Oleiros entende que unha entrada masiva de autobuses no Cantón (estímase que serían máis de 380 procedentes de todos os municipios da provincia) provocaría un caos circulatorio moi importante que prexudicaría ao conxunto da cidadanía que accede e se move cos seus vehículos a diario pola cidade, e que principalmente son veciños e veciñas da comarca da Coruña. A Xunta de Galicia crearía desta maneira un problema máis grave do que xa existe.