Oleiros, 30 de outubro de 2015-. O próximo mes de novembro, desde a Concellería de Servizos Sociais e Sanidade, iníciase unha nova edición do Programa de Apoio á Persoas Coidadoras “Descubrindo emocións”. O obxectivo do programa está enfocado ao apoio á persoa coidadora co fin de mellorar a súa calidade de vida, reducir a aparición de trastornos psicolóxicos e conseguir a mellor adaptación posible á situación que está a vivir a diario no seu rol de coidadora, dotándoa de estratexias para manexar dunha forma axeitada as situacións de estrés coas que se enfronta.
“Coidar ao que coida”, con esta frase resúmese a importancia fundamental que ten o apoio á persoa que asume a responsabilidade na atención ás persoas enfermas ou dependentes, xa que ademais do apoio directo que se presta a través doutros programas como axuda no fogar, centros de día, comida sobre rodas, teleasistencia..., o benestar da persoa coidadora é a mellor forma de contribuír ao benestar das persoas que coidan.
Nesta nova edición o programa amplíase e engádese unha actividade nova ademais das que xa se veñen desenvolvendo desde hai varios anos. Desenvolverase ao longo dos próximos meses no Centro Municipal de Formación, na Urbanización Os Regos, e estrutúrase en tres accións:
1.- “DESCUBRINDO EMOCIÓNS”
Obradoiro no que se ofrece ás persoas coidadoras un espazo terapéutico de apoio no que poidan sentirse escoitadas, apoiadas e comprendidas.
As persoas coidadoras conectan con outras persoas e adquiren habilidades que lles axudan a enfrontarse aos problemas e conseguir realizar actividades gratificantes.
Do 9 de novembro ata o 28 de decembro, todos os luns de 10:30 ás 12:30 h da mañá.
2.- “COIDANDO EMOCIÓNS”
Obradoiro de continuación para as persoas coidadoras que xa acudiron ás sesións de “Descubrindo emocións”, co obxectivo de fomentar e establecer unha cadea de apoio social, así como controlar e avaliar a situación anímica das persoas participantes.
A través desta actividade as persoas coidadoras comparten, aprenden estratexias e reciben información.
Son sesións quincenais desde o 16 de novembro ata o 22 de febreiro de 2016, que terán lugar os luns, en horario de tarde, de 16:30 ás 18:30 h.
3.- “XUNTOS NOS COIDADOS”
Esta é unha actividade de formación e información básica para as familias coidadoras de persoas enfermas de Alzhéimer ou outro tipo de demencias para afrontar os coidados e ofrecer respostas concretas ás dúbidas diarias no proceso de coidado.
O curso vaise levar a cabo os días 1, 2, 3, e 4 de decembro, polas tardes, en horario de 16:30 ás 18:30 h.
As persoas coidadoras que desexen participar nestas actividades poden inscribirse no Departamento de Servizos Sociais de Oleiros ou a través do teléfono de atención ao veciño 981 610 000.