Oleiros, 27 de xaneiro de 2012-. O Concello de Oleiros, a través da Concellería de Servizos Sociais, impulsa un programa de seguridade para persoas maiores. A iniciativa consiste nunha serie de charlas informativas, impartidas por especialistas da materia da Garda Civil, para que os nosos maiores adopten medidas de protección na vida diaria que reforcen a súa seguridade.
As persoas de maior idade constitúen un colectivo que debe ser obxecto de especial protección. A través de accións como as que se van desenvolver en Oleiros pretendemos que as persoas maiores coñezan onde están os riscos e adopten pautas de conduta que lles proporcione unha mellor protección ante aqueles delitos que con maior frecuencia se comenten contra eles.
En diferentes situacións da vida diaria as persoas maiores poden ser máis vulnerables a ser vítimas dun delito. É importante que recoñezan cales poden ser estas situacións e que adopten unhas pautas de comportamento que lles ofreza unha maior seguridade.
Analizaranse os lugares e momentos máis vulnerables, e ensinaráselles aos maiores o que deben facer para evitar situacións de risco na vía pública, no domicilio e nos bancos, tendas e incluso cando navegan por internet ou por teléfono.
As actividades realízanse de maneira que as persoas maiores poidan transmitir as súas inquedanzas e as súas dubidas, e se busca a participación activa de todas as persoas que acudan. Aínda que a actividade está dirixida especialmente ás persoas maiores, tamén poden acudir familiares e outras persoas que poidan interesarse xa que a entrada é totalmente gratuíta e aberta ao público que o desexe. As charlas informativas desenvolveranse en catro localidades diferentes, favorecendo desta maneira unha maior participación do colectivo de maiores.
DATAS:
- Casa do pobo de Nós o 31 martes de xaneiro ás 19:30 h
- Centro social de Santa Cruz, o xoves 2 de febreiro ás 18:30 h
- Casa da cultura de Perillo o mércores 8 de febreiro ás 18:30 h
- Casa do pobo de Lorbé o mércores 29 de febreiro ás 18:00 h