Oleiros, 13 de maio de 2019-. O Concello de Oleiros organiza unha ampla programación de actividades para dar a coñecer a figura de Antón Fraguas, o escritor homenaxeado polo Día das Letras Galegas deste ano. Ademais das numerosas actividades que se organizarán nas bibliotecas municipais e nas que participarán escolares de todos os centros de ensino público. O Servizo de Normalización Lingüística organizou obradoiros para o alumnado onde a través dos contos e de xincanas o alumnado coñecerá quen era Antón Fraguas.
Ademais, para as familias con nenos e nenas de máis de 2 anos, están programadas as seguintes actividades que terán lugar nas Torres de Santa Cruz. O 21 de maio, ás 18:00 horas, Contos ilustrados das Letras galegas, que mestura un contacontos e obradoiro de ilustración, para asistir hai que inscribirse enviando un correo a lingua@oleiros.org. E o 25 de maio, a partir das 12:30 h, celebrarase a Festa da Lingua, cunha obra de teatro, xogos e un obradoiro musical. Aquelas persoas que queiran asistir poderán inscribirse enviando un correo a lingua@oleiros.org desde o luns día 20 de maio.