Oleiros, 12 de xullo de 2016-. O Concello de Oleiros lamenta profundamente o falecemento do insigne escritor Agustín Fernández Paz e manifesta as súas condolencias pola desaparición deste magnífico autor. O Goberno local desexa expresar o seu agradecemento pola súa produción literaria, pola súa predisposición á colaboración e por poder gozar da súa amizade. Un referente ético para todos, unha persoa que sempre defendeu a lingua galega, que fomentou a lectura e que tamén destacou no seu compromiso co ensino público.
Agustín Fernández Paz é un dos escritores máis recoñecidos da literatura galega, máis lidos e máis estimados polos lectores. Deixa co seu falecemento o legado dunha obra literaria fundamental. Ademais, recibiu numerosos premios, entre os que destaca o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil pola fermosa obra “O único que queda é o amor”.
Definíase como “un escritor galego para a humanidade” e afirmaba que “os libros eran imprescindibles para axudar a soñar e a vivir”.
Prezado Agustín, sempre te teremos nos nosos corazóns.