Oleiros, 1 de setembro de 2011-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane compareceu esta mañá ante os medios de comunicación para esixir á Consellería de Sanidade que limpe de inmediato o centro de saúde de Santa Cruz que se atopa sen servizo de limpeza desde o pasado luns. García Seoane cualificou a situación de esperpéntica e lamentou a falta de respecto institucional que está mostrando a Xunta de Galicia neste asunto. O rexedor acusou o Goberno autonómico de actuar de forma prepotente e arrogante e de intentar sacar rédito político a costa da atención sanitaria dos veciños e veciñas de Oleiros. «O Concello de Oleiros non pode asumir o financiamento de servizos que corresponden única e exclusivamente á Xunta de Galicia», indicou. «A Xunta non limpa o centro de saúde de Santa Cruz e por riba pretende pechalo», apuntou.
O 28 de agosto de 2009 o Concello de Oleiros enviou á Consellería a documentación necesaria para facer efectiva a cesión dos centros de saúde de Perillo e Santa Cruz segundo o modelo de convenio impulsado pola Federación Galega de Municipios. A Xunta notifica que hai un erro no envío da documentación que se volve a enviar de forma correcta por parte do Concello con data do 2 de marzo de 2010. A Consellería notifica vía telefónica que perdeu a documentación. Esta volve ser enviada polo Concello o 19 de abril.
O 7 de maio de 2010 notifícase á Xunta que se non se renovará o contrato do servizo de limpeza que finaliza en setembro dese mesmo ano como así se fixo. En data similar infórmase á empresa concesionaria de que non se renovará o contrato. O 29 de xuño de 2010 repítese a notificación ao Goberno autonómico. Así mesmo, o 7 de decembro dese mesmo ano notifícase á Consellería de Sanidade que o resto de contratos de servizos de mantemento, como ascensores, xardinería, extintores…, non serán renovados.
A pesar das continuas notificacións por parte do Concello, respecto a este asunto a Xunta non deu nin unha soa contestación en 17 meses e négase a recibir o alcalde, quen solicitou reunirse coa conselleira en reiteradas ocasións.