Oleiros, 11 de agosto de 2016-. O Concello de Oleiros encargará unha auditoría sobre a empresa que presta o servizo de recollida de lixo debido ás graves deficiencias detectadas. O alcalde de Oleiros xa anunciara anteriormente no Consorcio das Mariñas esta decisión coa que se pretende que os veciños non sufran ningún detrimento na calidade deste servizo, polo que están a pagar.
Especialmente nas últimas semanas, o Concello está a recibir moitas queixas por parte dos veciños sobre o servizo de recollida de lixo no municipio. Se ben é certo que no verán o incremento de residuos que se xeran en Oleiros é moi importante debido aos numerosos visitantes, o servizo que está a prestarse é deficiente.
A empresa concesionaria do servizo está a incumprir algúns aspectos contractuais como son a limpeza dos contornos dos contedores ou a renovación dos camións que se empregan para a recollida, entre outras cousas. Coa auditoría que porá en marcha o Concello de Oleiros preténdese arranxar un problema que de cumprirse as condicións estipuladas no contrato non debería existir.