Oleiros, 2 de maio de 2012-. O Goberno local de Oleiros demandará á Demarcación de Costas do Estado que realice traballos de recuperación no areal de Santa Cristina, segundo informou esta mañá o alcalde oleirense Ángel García Seoane. O rexedor asegurou que a praia sofre unha deterioración evidente na zona comprendida entre o edificio Casa Sara e a sede do Club de Regatas de Perillo. A constante perda de area que sofre este areal pola acción das mareas non puido ser corrixida nas obras levadas a cabo con anterioridade polo Ministerio, polo que o rexedor solicitará que se actúe novamente.
A deterioración da zona leva o risco de que a acción do mar afecte tamén á estrutura do paseo marítimo nesta zona, xa que segundo sinalou o propio García Seoane estanse creando galerías na area que poden afectar á estrutura da zona pública contigua ao areal. Ademais García Seoane manifestou a súa insatisfacción coa efectividade das obras realizadas polo Ministerio hai case catro anos, xa que neste tempo transcorrido este espazo deteriorouse a gran velocidade.
Actos vandálicos en Bastiagueiro
Por outra parte, García Seoane informou de que a pasada fin de semana o mobiliario público instalado nas inmediacións da praia de Bastiagueiro sufriu un ataque vandálico. En total foron destruídos sete bancos públicos nun acto vandálico que Seoane cualificou como «lamentable». Así mesmo o rexedor solicitou a colaboración cidadá para evitar que este tipo de actuacións queden impunes. «Se algún veciño observa algunha destas fechorías que chame á Policía Local que se desprazará de inmediato», apuntou.