Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros conmemora o centenario de Rialeda

Oleiros, 5 de decembro de 2012-. O Concello de Oleiros conmemora ao logo deste mes o centenario do edificio Rialeda cun programa especial de actos. Este edificio, ideado polo arquitecto Rafael González Villar (1887-1941), é unha construción  modernista inspirada no movemento europeo da Sezzesion vienesa, adaptada aos gustos da nacente burguesía urbana que comezaba a construír espléndidas casas de campo. As súas torres, ángulos, óvalos, claroescuros, azulexos e cores rechamantes outórganlle unha especial personalidade. O edificio é desde o 21 de novembro de 1998 sede da Biblioteca Central Rialeda, cabeceira do Sistema de Bibliotecas Públicas Municipais do Concello de Oleiros, con premios como o da Irmandade do Libro, no ano 2012, na modalidade de Fomento da lectura, concedido pola Federación de Libreiros de Galicia ou o Premio Nacional María Moliner, no 2011, na categoría de Animación á lectura, concedido polo Ministerio de Cultura.


ACTIVIDADES PARA  A MOCIDADE E ADULTOS

O mércores, 12 de decembro, ás 20.00 horas, terá lugar unha mesa redonda na que participarán o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, o arquitecto Henrique Seoane, coa presentación titulada Rafael González Villar e a súa elegante arquitectura, e o escritor, Manuel Rivas, co relatorio titulado Resistencia erótica do libro. Ademais actuará o trío de vento da Escola Municipal de Música.

ACTIVIDADES INFANTÍS

Todas as actividades para nenas e nenos serán ás 18:30 horas.

•    Luns, 10 de decembro: Contacontos a cargo da actriz Soledad Felloza Ventá máxica. Para menores de 4 anos.

•    Martes, 11 de decembro: Contacontos a cargo da actriz Paula Carballeira Contos para unha tarde de outono. Para menores de 8 anos.

•    Xoves, 13 de decembro: Espectáculo de maxia a cargo do mago Chrystyan Magic Atrapado na torre. Para nenas e nenos  maiores de 10 anos.

•    Venres, 14 de decembro: Contos e cancións a cargo da Compañía Migallas Cantacontos. Para nenas e nenos maiores de 8 anos.
 

back link