Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello de Oleiros celebra o décimo aniversario do CEIDA

Oleiros, 10 de xaneiro de 2012-. O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, participou esta mañá no acto que tivo lugar no castelo de Santa Cruz polo décimo aniversario do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia. García Seoane, actual presidente do Ceida, actuou como anfitrión deste emotivo acto conmemorativo no que estivo acompañado por Agustín Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José María Barja, reitor da Universidade da Coruña, José Luís Meilán Gil, catedrático emérito e membro do Consello de Estado e de Carlos Vales, director do Ceida.
 
Durante a súa intervención, García Seoane repasou a historia da institución desde os seus inicios ata a actualidade. O rexedor sinalou que a actual sede do centro, o castelo de Santa Cruz, foi conseguida polo Concello grazas á xestión urbanística do seu goberno. «A nosa fe na conservación ambiental foi inquebrantable en todo momento», asegurou. Así mesmo, destacou o papel impulsor que tiveron Manuel Fraga e Meilán Gil, presidente da Xunta de Galicia e reitor da Universidade da Coruña respectivamente no momento da constitución do Ceida. Para rematar, o alcalde sinalou que logo de dez anos de actividade o centro «é un soño feito realidade para o que houbo que liquidar moitas adversidades».
 
O director do Ceida, Carlos Vales, destacou a importancia da educación ambiental en todos os ámbitos da sociedade e fixo especial fincapé na necesidade de que esta formación chegue a aqueles membros da sociedade con capacidade de influír de forma activa no futuro do noso medio ambiente. Pola súa banda o exreitor Luís Meilán Gil, destacou o papel de García Seoane e do Concello de Oleiros na posta en marcha do Ceida, mentres que José María Barja reiterou o compromiso da Universidade coa institución. Pola súa banda, Hernández apuntou a importancia da consolidación dun paradigma ético ambiental para a subsistencia e conservación do noso planeta e destacou o traballo que o Ceida leva a cabo neste sentido.

 

back link