Oleiros, 30 de marzo de 2017-. O pleno do Concello de Oleiros celebrado esta tarde aprobou a Ordenanza municipal reguladora de instalación para apeiros de labranza no solo clasificado como rústico do Concello de Oleiros. Esta nova norma urbanística, creada polo Goberno municipal, impedirá a construción de chabolos ao amparo da lexislación autonómica.
A Lei do Solo de Galicia, aprobada recentemente pola Xunta, permite que a través dunha simple comunicación previa calquera cidadán poida construír un galpón na súa propiedade. Para frear a posible proliferación de chabolos e evitar a degradación da paisaxe oleirense, o Goberno municipal elaborou unha ordenanza compatible coa normativa autonómica, o planeamento urbanístico e os dereitos dos cidadáns que regula a características e condicións para o establecemento de pequenas instalacións para os apeiros de labranza no solo clasificado como rústico.
Ademais, o pleno tamén ratificou o convenio asinado entre o Concello e a Deputación da Coruña sobre o Pazo de Arenaza. Grazas ao acordo acadado, a Deputación financiará con 250.000 euros a restauración e adecuación do pazo para crear un centro co-working para novos emprendedores e científicos, que terá capacidade para 50 persoas investigadoras. Unha vez realizadas as obras, a entidade provincial convocará unhas bolsas para os posibles candidatos e candidatas e seleccionará o persoal necesario para a posta en marcha deste centro, chamado a ser unha referencia no Estado.