Máis de 1,4 millóns de palestinos e palestinas desprazados e que fuxían dos combates e bombardeos israelís á cidade de Rafah volven a estar en perigo mortal pola invasión terrestre perpetrada por Israel.
Desde o pasado luns o exército israelí practica bombardeos masivos e incursións terrestres na parte este da cidade de Rafah, provocando a evacuación e marcha de numerosos habitantes dos grandes asentamentos á cidade costeira de Deir al Balah.
Á masacre da poboación civil únese o bloqueo da entrada de axuda humanitaria, combustible e outros bens a través do paso de Rafah e Kerem Shalom polo exército sionista, o que provoca que os esforzos humanitarios para salvar vidas sexan cada día máis difíciles.
O Concello de Oleiros manifesta abertamente o seu apoio e solidariedade ao pobo palestino e solicita a toda a cidadanía a súa asistencia á concentración convocada por BDS, o movemento de boicot, desinversión e sancións (BDS) que traballa para terminar co apoio internacional á opresión do pobo palestino por parte de Israel e presionar a Israel para que cumpra co dereito internacional.