Oleiros, 9 de xaneiro de 2013-. O Concello de Oleiros advirte aos usuarios e usuarias de gas butano do municipio que as revisións de instalacións que se están producindo estes días no municipio son totalmente voluntarias. O Goberno local realiza este aviso tras coñecer que durante as últimas semanas varios traballadores dunha empresa autorizada como instaladora visitan domicilios oleirenses sinalando aos seus propietarios que veñen realizar traballos de supervisión e mantemento da instalación. Moitos veciños e veciñas están deixando que realicen este traballo pensando que é de carácter obrigatorio sen saber que se trata dunha empresa distinta á distribuidora, coa que xa teñen asinado un contrato de mantemento.
Segundo advertiron varios cidadáns ao Goberno local os importes por revisión, en ocasións chegan a ser de ata 150 euros. Ademais, estes traballadores ofertan contratos anuais de mantemento. O Concello lembra ás persoas usuarias deste servizo que as revisións oficiais son notificadas con anterioridade e por escrito pola empresa distribuidora, polo que outro tipo de revisións son totalmente opcionais e voluntarias.