O alcalde citou como exemplo unha vivenda unifamiliar situada xunto á Capela de Santa Ana, en Mera, que os seus propietarios converteron en varios apartamentos, constituíndo de feito unha hospedaxe encuberta nun lugar que o Plan Xeral define como uso residencial unifamiliar.
O alcalde lamentou que outras institucións estean permitindo ese uso irregular dos edificios residenciais, creando unha competencia ilícita contra o sector da hospedaxe e con posibles afeccións incluso á facenda pública.
Este costume tan estendido na actualidade está prohibido en Oleiros, onde o Plan Xeral define exactamente os espazos residenciais e os destinados á explotación hoteleira, os únicos que poden recibir viaxeiros de curta estadía.
Este tipo de explotación hoteleira encuberta ten graves consecuencias na cidadanía, ao retirar vivendas do alugueiro tradicional, o que fai subir o prezo dos alugueres residenciais ou os do estudantado, de importancia nunha contorna universitaria como as zonas de Perillo e Santa Cruz.