Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello concede 12.000 euros en axudas de apoio á escolarización para o vindeiro curso a 154

Oleiros, 27 de xullo de 2016-. Onte publicouse o listado definitivo coas familias beneficiarias das prestacións de apoio á escolarización para o curso 2016/2017, das que se verán beneficiados un total de 154 estudantes (82 nenos e 72 nenas) de 89 familias de Oleiros. En total concederanse 11.960 euros, o que supón un incremento dun 16% no importe total destinado a estas axudas respecto ao ano anterior. O incremento no número de familias beneficiadas foi dun 10% e o incremento no número de menores dun 22%.

Todas as familias que cumprían os requisitos recollidos na convocatoria e presentaron a documentación necesaria para poder valorar a súa situación viron resoltas favorablemente as súas solicitudes.

O importe das axudas varía en función do ciclo que estean a estudar os menores, e van desde os 65 euros do segundo ciclo de infantil aos 95 euros de bacharelato ou ciclos formativos de grao medio, pasando polos 75 euros para os de primaria ou os 85 de secundaria, sendo nestes dous últimos niveis nos que se atopa a maioría do alumnado.

O número de menores beneficiados e as contías por nivel de ensino foron os seguintes:

- Segundo ciclo de infantil: 28 menores (1.820 €)
- Primaria: 74 menores (5.550 €)
- Secundaria: 35 menores (2.975 €)
- Bacharelato ou ciclos medios: 17 menores (1.615 €)

Ao longo deste mes as familias recibirán eses cartos cos que poderán facer fronte aos gastos extraordinarios que ocasionan nas familias o inicio do curso escolar.

As prestacións de apoio á escolarización son unha das diversas medidas pola inclusión social coas que conta o Concello de Oleiros para apoiar ás familias que se atopan nunha peor situación económica.

AXUDAS AOS COMEDORES ESCOLARES

No día de hoxe publicouse no BOP a aprobación definitiva da modificación do regulamento de medidas pola inclusión social do Concello de Oleiros cunha nova medida: as prestacións de apoio ao comedor escolar. Grazas ao que, en colaboración coas ANPA, o Concello de Oleiros asumirá o 95% do custo da praza nos comedores escolares xestionados polas ANPA nos centros de ensino públicos de Oleiros daquelas familias que se atopen nunha situación económica máis desfavorecida.

 

back link