Oleiros, 31 de maio de 2011.- O Concello de Oleiros inicia estes días a obra de reforma integral do pavillón municipal de Oleiros, situado na Rabadeira. Este equipamento municipal, o máis antigo na súa categoría, será renovado por completo, desde o parqué ata as fachadas, pasando polas gradas e polos vestiarios. Ademais disporá dun moderno sistema de calefacción do que carece na actualidade, o que mellorará sensiblemente a calidade da instalación e desenvolverá o seu uso.
O investimento municipal nestes traballos ascende a 244.330,80 euros. Aínda que a obra foi contratada o pasado 11 de xaneiro, o Goberno local decidiu pospoñer os traballos ata a recta final do curso escolar, co obxectivo de non interromper a actividade deportiva dos escolares nesta instalación.