Hemeroteca

Asset Publisher

Back O Concello colabora na xestión de dúas áreas protexidas a través dun proxecto de cooperación en

Oleiros, 5 de xuño de 2013-. A Concellería de Cooperación do Concello de Oleiros, a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, apoia en Nicaragua a xestión ambiental de dúas áreas protexidas a través dun proxecto subvencionado a Amigos da Terra. A ONGD ecoloxista traballa coa fundación nicaraguana Líder no fortalecemento das capacidades locais para a conservación das reservas naturais do volcán Cosigüina e do delta do Estero Real, ambas as dúas no Golfo de Fonseca, un dos ecosistemas máis representativos de Centroamérica.
Para acadar este obxectivo e contribuír así ao desenvolvemento sostible da zona, estase a formar o persoal tanto das oficinas ambientais das municipalidades de El Viejo e Puerto Morazán, como dos Comités de Manexo Colaborativo de ambas áreas protexidas, que están integrados polos principais actores locais, os propios gobernos municipais e mais os líderes das comunidades afectadas. Tamén os dotarán das ferramentas necesarias, coma equipos informáticos ou GPS.
Ao tempo, melloraranse os plans operativos das reservas e iniciaranse as accións contempladas neles, entre as que destaca a reforestación do mangleiral, que é clave para manter a biodiversidade. Asemade, sensibilizarase aos responsables en diferentes campañas ambientais, feiras, charlas ou obradoiros e tamén se editarán folletos e outros materiais para visibilizar a problemática e concienciar sobre a protección do medio.
Nunha zona onde a maior parte da poboación vive na extrema pobreza, o proxecto busca involucrar as comunidades na xestión sostible dos recursos naturais, que mesmo teñen valor turístico. A iniciativa contempla tamén o enfoque de xénero, ao promover a participación das mulleres na toma de decisións. Amigos da Terra leva traballando no sector nicaraguano do Golfo de Fonseca desde 2004, ano no que iniciara o seu labor na zona co apoio do Fondo Galego.
 

back link