Oleiros, 29 de marzo de 2019-. O equipo de Servizos Sociais do Concello de Oleiros mantivo unha reunión con representantes da Asociación ARELA, co obxectivo de colaborar na difusión e sensibilización sobre o programa CONVIVE.COMigo. O programa ten como obxectivo a capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias que estean dispostas a convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha das medidas xudiciais contempladas na lei de responsabilidade penal do menor.
O ambiente socializador e positivo dunha unidade familiar vailles permitir cumprir coa medida xudicial, modificar as circunstancias que a motivaron e evitar que reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez que regresen coa súa familia de orixe. A través deste programa búscanse familias e persoas cunha alta sensibilidade cara a adolescencia que desexen facer unha aposta temporal por algún destes adolescentes con dificultades e contribuír a mellorar as súas expectativas de futuro.
As persoas interesadas poden obter máis información na web www.arela.org, ou directamente a través do teléfono 986 212 537 ou do correo electrónico convive@arela.org.