A Xunta de Galicia, responsable da educación no noso país, non atende as demandas das ANPAS e da comunidade educativa en xeral a respecto da dotación de persoal necesario deixando centros educativos con graves eivas para a consecución dunha educación inclusiva e de calidade para todos os nenos e nenas.
A Federación Provincial de ANPAS da Coruña convoca unha manifestación o vindeiro sábado 28 de febreiro ás 11:00 horas con saída da Praza de Ourense coa fin de reivindicar unha educación pública, digna e de calidade para todas e todos.
A aposta por un ensino público de calidade é unha das pedras angulares do Concello de Oleiros polo que desde o goberno municipal apóiase a toda a comunidade educativa nas súas demandas e anima á cidadanía a manifestarse o vindeiro 28 de febreiro polo futuro da crianzas e da mocidade.