O pasado mes de novembro o Concello de Oleiros solicitou varias melloras para o transporte público, que ata o momento foron desestimadas pola Xunta de Galicia. Reclamábase mellorar as frecuencias da liña Entrexardíns-O Seixal e a súa prolongación ata a Igrexa de Nós para atender a esta parroquia de 5.000 habitantes, que está sen servizo; implementar novas liñas para atender as zonas de Franzomel, Abeleiras e Xaz; e crear unha liña circular entre Perillo e a Universidade que funcionase nas horas de entrada e saída das aulas. Tamén se reclamaba reforzar as liñas principais, cando menos en horas punta. Especialmente a que cobre as parroquias de Dexo, Serantes, Maianca, Dorneda, Liáns e Perillo; e a que dá servizo a Oleiros, Montrove e Perillo e que debería reducir a súa frecuencia dos actuais 40 minutos a 20, nas horas de maior demanda.
Nos concellos de menos de 50.000 habitantes as competencias en transporte público son exclusivas da Xunta de Galicia. Unha parte importante dos problemas de tráfico e mobilidade poderían solventarse cunha mellora do servizo de transporte que nunca dá chegado, malia as constantes denuncias e demandas por parte do Goberno municipal de Oleiros e do conxunto da cidadanía.