Oleiros, 22 de xullo de 2013-. Avanza a bo ritmo a obra de tratamento da madeira da senda costeira que une Santa Cruz e As Galeras. Durante estes traballos ademais suxeitaranse táboas soltas e renovaranse os bancos que estaban rotos debido a actos vandálicos. Tamén se fará unha pequena obra de reforzo na parte superior, ao inclinarse lixeiramente a estrutura. Con todas estas melloras asegúrase a durabilidade deste transitado itinerario.
O Concello de Oleiros quere agradecer a paciencia da maior parte dos veciños que non puideron gozar deste lugar durante as obras de mantemento que inevitablemente teñen que ser en época estival. Lamentablemente algunhas persoas saltáronse o peche da obra e accederon sen permiso a esta. Durante esta semana procederase a dar a segunda man do tratamento e é imprescindible que ninguén acceda a esta. Os danos que se provoquen andando pola madeira serán irreversibles durante a segunda man. Ninguén poderá acceder á pasarela ao longo de hoxe, mañá e o mércores, día no que rematará o tratamento da madeira.