Oleiros, 17 de xaneiro de 2011-. Seis palmeiras situadas no paseo de Mera, fronte ao edificio A Perla, foron envelenadas con herbicidas de tipo hormonal, segundo as análises levadas a cabo por técnicos da empresa encargada do mantemento dos espazos verdes desta zona do municipio. Catro destas árbores atópanse situadas fronte á fachada principal do edificio mentres as outras dúas están na parte posterior do inmoble, nunha zona verde pública, onde a acción do herbicida danou tamén a vexetación próxima aos exemplares.
As catro palmeiras que dan á fronte do paseo teñen máis dun metro de diámetro e nestes momentos están sendo tratadas polo Servizo Municipal de Xardíns para intentar recuperalas e evitar a súa morte. Porén, o Concello terá que cortar os dous exemplares situados na parte traseira do edificio, xa que estes foron danados cun machete co que se eliminou a súa cortiza.
O Concello de Oleiros ten sospeitas de que este envelenamento podería ser perpetrado, presuntamente, por algún individuo relacionado cos propietarios do inmoble. Así mesmo, o Goberno local abrirá unha investigación para esclarecer o envelenamento das palmeiras e está convencido de que contará coa colaboración da inmensa maioría de residentes da zona.
Corta e reposición nas Galeras
Por outra banda, o Concello cortará as árbores existentes na rúa Antonio J. Sucre, nas Galeras. O motivo da corta débese a que estas árbores, que foron plantadas pola promotora da urbanización, danan as beirarrúas e as canalizacións subterráneas de distintas subministracións como a auga, gas ou a rede de saneamento debido ao seu forte crecemento na base. Ademais esta clase de árbores é moi vulnerable á acción do vento na súa parte alta o que as fai especialmente fráxiles. O goberno local restituirá todas as árbores cortadas con exemplares de folla perenne e crecemento menos agresivo.