Oleiros, 31 de xullo de 2012-. Membros da directiva do Club dos Leóns de Oleiros visitaron esta mañá o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane. Durante o encontro os membros da asociación benéfica comentaron co alcalde as súas liñas de traballo para os próximos meses. O colectivo, constituído oficialmente no municipio hai varias semanas, centrarase en traballar nun proxecto de recollida de gafas graduadas a través das ópticas do municipio, organizará un concurso entre escolares coa paz como tema principal e repartirá material nun centro de acollida.
Este colectivo, formado por persoas pertencentes a todos os sectores da sociedade oleirense ten como obxectivo contribuír a minimizar as necesidades da comunidade, tanto a nivel local como global. Os Clubs de Leóns son unha organización mundial de servizo con máis de 45.000 clubs e 1,35 millóns de membros activos distribuídos en 206 países e áreas xeográficas. O Club dos Leóns oleirense reunirase o segundo xoves de cada mes nunha asemblea na que os seus membros proporán distintas actividades que poidan contribuír a mellorar dun modo ou doutro a sociedade.